27 de julio de 2012

"LOCAIS LIBRES DE NENOS"


Levo uns días reflexionando en relación a un artigo que lin no xornal, pero non sei cal sería a posición máis razoable. A reportaxe titulábase “Espacios libres de niños” e fai unha análise acerca dos hoteis e restaurantes onde se prohíbe a entrada de menores. Parece que este tipo de negocios están en pleno apoxeo, crecendo exponencialmente como opción para moitos clientes (sen olvidar que tamén se da o caso contrario de establecementos onde a oferta lúdica está especializada nos máis cativos). 
Como argumento para estes “locais libres de nenos” exponse, sobre todo a tranquilidade que se atopa neles. Despois de ler varias veces a reportaxe e estar botando un vistazo por internet creo que, ainda podendo soar demasiado frívola, estou a favor de que exista esta segmentación. Moitas veces acudimos a un restaurante ou a un hotel buscando tranquilidade, conversa agradable ou un remanso de paz, e parece que non o encontramos. E con este tipo de  establecementos temos a opción de elexir. Incluso hai cadeas hoteleiras que teñen varias ofertas: con nenos, sin nenos ou especialmente indicados  para nenos. Creo que na especialización se acada unha maior satisfacción do cliente. 
Sen embargo a pesar de todo, non podo evitar sentir certa tristura. Porque sei que dese “mal comportamento” na mesa dun restaurante ou no pasillo dun hotel non é culpable o neno, que ó fin se trata dun ser en construcción que se distingue dun adulto nas súas características, intereses e necesidades. Toda a culpa é dos seus educadores. Tamén entendo (porque o vivín) que se estás traballando de camareiro non é o teu labor preocuparte dos nenos da mesa do fondo que están destrozando unha planta e correteando polo restaurante.  
Dunha ou doutra maneira, sempre é o máis débil o que leva as de perder, ainda sendo o máis inocente.